viernes, 15 de abril de 2011

LDK 01: Os fines na educación e a reprodución social

Abro esta primeira LDK, entendamos que a anterior era de presentación e non de contido, cun tema eternamente en vigor: para que se educa? De Puelles Benítez (2006, p. 27) analiza as respostas ao longo da nosa historia cultural, chegando á conclusión de que "todas ellas aparecen ligadas a los intereses de los diferentes grupos políticos que dirigieron la sociedad, a los valores que esos grupos representaron y a las teorías que los respaldaron". Se ben as respostas poden reducirse a dúas dende a paideia da polis grega ate a educación do cidadán na Revolución Francesa, non quere dicir que as teorías e fundamentacións para posicionarse nunha ou noutra opción coincidisen sempre: 

1.- transmítese a herdanza cultural de xeración en xeración a fin de preservar a sociedade. 
2.- edúcase para conseguir o desenvolvemento da persoa ata acadar a autonomía. 

É posible que definir os fins da educación na sociedade bautizada do coñecemento, da información, rede, postindustrial non resulte doado. Máis aínda cando o coñecemento, a información, o saber poden convertirse nun arma que incremente a desigualdade social. Mais tamén é certo que se vivimos un vertixinoso ritmo de cambio e aceptamos que o coñecemento de hoxe resulta obsoleto mañá, os sistemas educativos deberan preocuparse pola educación do ciudadano, é dicir pola educación para a vida cívica. Así, o sistema escolar, debera poñer o acento en mostrar as pautas e marcos de referencia que permitan ao individuo entender o mundo actual "y, sin embargo, los sistemas educativos siguen reproduciendo los viejos modos de transmisión de la cultura académica, con unos contenidos ajenos a las preocupaciones reales de los educandos" (ib., p. 29).

Nesta LDK quérese poñer o acento en que as institucións educativas non son ideolóxicamente neutrais e se non reflexionamos sobre a nosa acción, e neste caso en concreto sobre as finalidades que nos rexen, perpetuaremos os sistemas de dominación da orde social e a lexitimación das desigualdades: "mientras un buen número de tradiciones alternativas intentaban mantener vivo este tipo de discusión política, creyendo en la neutralidad innata de nuestras instituciones, lo que se enseñaba, así como los métodos y acciones, estaban planificados para legitimar las bases estructurales de la desigualdad. [...] las tradiciones dominantes en este campo ayudan a la reproducción de la desigualdad, mientras sirven al mismo tiempo para legitimar las instituciones que la recrean y nuestras propias actitudes dentro de ellas" (Apple, 1997, 28).

Para debater e reflexionar sobre o tema propoñemos tres achegas: unha imaxe/viñeta, unha canción e unha película. Francesco Tonucci e Pink Floyd recollen a crítica a un sistema escolar no que prima a instrución fronte á educación e na que prevalecen os principios de aniquilación dos desexos, da creatividade, das necesidades e vontades dos individuos.

A escola como fábrica de selección e igualación de individuos, por Frato (Francesco Tonucci).
Non recordo exactamente de onde foi extraída a imaxe pero figura multicopiada na web e pode pertencer a unha das súas primeiras publicacións (Tonucci, 1978). 

Nesta imaxe Tonucci utiliza a fábrica como metáfora dun sistema escolar que funciona como sistema de selección: os que se adaptan á hexemonía son escollidos, son os que continúan adiante con maior posibilidade de inserción social e laboral. Os que non cumpren coas expectativas son excluídos do sistema escolar (despeñados, como facían os espartanos cos seus fillos 'malformados' polo monte Taigeto), encamiñados á marxinación social cunha enorme etiqueta 'FRACASADO ESCOLAR'.

Another brick in the wall, por Pink Floyd.

Nesta canción en particular e no álbume The Wall en xeral, a banda británica Pink Floyd rexeita as estrictas normas que había na escola británica e que conducían á alienación do individuo.

La ola, de Dennis Gansel

Esta película achega a creación dun réxime dictatorial a través dos experimentos nun aula. Máis alá das preguntas que formula a propia película compre reflexionar respecto das posibilidades de manipulación nas aulas e mesmo cuestionarse se a educación que vivimos podería encadrarse nas características das autarquías que se mencionan na película: un líder, un grupo, un identificativo que os cohesione físicamente...* a educación alienante á que nos referimos con anterioridade non ten en certo modo similitude? O profesor poder ser un líder, máis ou menos carismático, que ten o poder -o coñecemento ou o aprobado-? O poder é transmitido aos súbditos -alumnado-, obtendo xerarquicamente máis poder aqueles que secundan as normas e menos os que simplemente se deixan levar, sendo excluídos os que cuestionan as realidades absolutas? Son os uniformes escolares utensilios para a non clasificación económica (se todos nos vestimos igual as nosas prendas non nos identifican socioeconómicamente) ou un elemento máis da homoxeneización dos individuos, ocultando a diversidade e a expresión propia?

*As ditaduras son unha forma de goberno que concentra o poder nun líder ao que se lle rende culto, xustifican a súa actuación política mediante unha doutrina global e utilizan sistemáticamente o terror para eliminar a oposición. 


--
Fontes: 
Apple, Michael (1979). Ideology and Curriculum. Londres, Routledge and Kegan Paul. 
Apple, Michael (1997). Educación y poder. Barcelona, Centro de Publicaciones del MEC y Ediciones Paidós.
De Puelles Benítez, Manuel (2006). Problemas actuales de política educativa. Madrid, Ediciones Morata.
Tonucci, Francesco (1978). Por una Escuela Alternativa. Barcelona, Gux. 
Pink Floyd (1979). The Wall. Reino Unido. 
Dennis Gansel (2008). La Ola. Aurun Producciones. http://www.unetealaola.com/

No hay comentarios: