Hoxe atopei a publicidade que me remitiran do XI Symposium Internacinal sobre el practicum y las practicas en empresas que celebrarase en Poio (Pontevedra) en xuño de 2011. Eu aínda non sei se poderei asistir, pero a verdade que hai grupos de discusión e intercambio de experiencias moi interesantes (entre eles sobre o practicum nos titulos de educación e nos posgraos).
A partir disto comecei a recordar os practicums que realicei en Maxisterio, en Pedagoxía e no Master. Da maioría delas gardo grato recordo, pois supón o achegamento dos nosos estudos á realidade dos profesionais. Se ben hai experiencias que me gustaría compartir, tamén é certo que como alumnado en prácticas comprometémonos ao segredo profesional e nesta ocasión non quixera determe na minuciosidade de contextualizar os casos preservando a identidade.
Simplemente destacar as conclusións comúns que puiden extraer das catro experiencias. Se cadra son moi abstractas, pouco concretas, pero débese entender que non son similares as características das institucións:
- Falla a recepción do alumnado que vai realizar o practicum por parte da institución de acollida. Se ben é certo que o titor e o director da institución coñecen as características da nosa estadía, non soe ser habitual que o resto de traballadores si o saiban. Atopeime que se nos presentou a todos os integrantes da institución, que sabían (ou se lles dixeron) os nosos nomes, pero descoñecían por canto tempo estaríamos alí e cales eran as tarefas que se nos tiñan encomendado.
- Falta comunicación entre a Universidade e o centro receptor. Dende a Facultade se nos encomendaba a realización dunha serie de memorias e proxectos que non se lle transmitían aos responsábeis do centro receptor cando se asinaban os acordos de practicum. De xeito que en moitas ocasións non era posíbel responder a esas tarefas pensadas dende a xeralidade e a distancia (o máis habitual é que os proxectos de intervención non se puideran desenvolver e por tanto tampouco avaliar a súa implementación).
- Espazo temporal inadecuado. A duración e o momento do ano en que se realizaba o practicum dependendía dos horarios e cronogramas establecidos por cada Facultade para a totalidade do alumnado. Sen atender a que hai institucións que precisan tempos de acollida máis longos, aos períodos de maior e menor actividade ou ás posibilidades de atención ao estudante.
En definitiva, as prácticas teñen un valor relevante na formación inicial dos futuros profesionais, pero para sacar maior proveito delas é necesario un compromiso tripe entre a institución de acollida, universidade e alumnado para que as experiencias nos permitan valorar a idoneidade das institucións para as diferentes tipoloxías de prácticas profesionais.

3 comentarios:
Probablemente a máis importante das eivas sexa a segunda. Hai unha desproporción entre as actividades a realizar polo estudante, as actividades que pode guiar o centro de acollida e as actividades e documentos a recoller na memoria bastante importante. Por outra parte, tamén engadiría a falta de rigor na selección do profesorado titor. Se ben non foi o meu caso, sei de profesores-titores que toman as practicas que titorizan como unhas auténticas vacacións.
De xeito individual, imaxino que efectivamente a segunda sexa unha das eivas que máis notamos. Pero penso que todas están vinculadas e se a primeira e a terceira estiveran mellor traballadas, non pensas que repercutirían positivamente na segunda?
Respecto do rigor de selección do profesorado titor, entendo ao que te refires e concordo en que nalgúns casos é esa a actitude, pero tamén hai que ser conscientes do inmenso volume de alumnado en prácticas que se move, de xeito que ás veces non chegas a seleccionar, senón que todos os que se ofrecen son escollidos porque fan falta as prazas.
Ademais cando falamos de prácticas docentes, que entendo que son ás que ti te refires, os convenios soen ser asinados cos centros educativos e non individualmente con cada profesor, de xeito que nalgúns centros encargan esta labor aos máis experimentados, noutras aos recén chegados que soen ser noveles e noutras aos que se ofrecen polos beneficios. Algo sobre o que imaxino que o centro emisor non ten ningunha potestade.
Porén, nas prácticas do Mestrado de Secundaria requeríanse unha serie de requisitos previos aos profesores solicitantes (había un dobre nivel de solicitude, o do centro e o dos profesores); que nalgúns casos teño constancia de que non se cumpriron.
Publicar un comentario