miércoles, 25 de mayo de 2011

Hiyab, permisíbel ou non nos centros educativos?

Na sociedade española ver a unha muller con algún tipo de velo islámico segue a sorprender porque aínda non nos resulta natural, mesmo naquelas cidades ou poboacións nos que é máis que habitual. Pero se ben na vida privada temos asumido que cada quen é libre de escoller, na vida pública as tradicións que mandan son 'as nosas' e nalgunhas escolas, e mesmo centros universitarios, prohíbese o seu uso en base a fundamentacións que explícitamente denominamos de liberalización da muller. 

Prohíbese o seu uso nos centros educativos en España?
En España non existe lexislación sobre o uso dos velos islámicos nos espazos púbicos. É máis a lexislación estatal non prohibe ao alumnado levar ningún tipo de símbolo relixoso (independentemente da crenza), mais tampouco o permite específicamente, polo que son os consellos escolares de cada centro educativo os encargados de dictar as normas. Ante situacións de conflicto son as comunidades autónomas, quen teñen transferidas as competencias educativas, as encargadas de mediar e de ser o caso tomar unha decisión. Cabe dicir que na meirande parte dos casos téntase lograr un acordo e cando non se consigue a resposta soe ser clara: prima o artigo 27 da Constitución que recoñece o dereito á educación e que establece que a ensinanza básica é obrigatoria. 

A nivel local si existen algúns municipios (Lleida, Vendrell, Barcelona) que prohibiron o uso do 'burka' nas instalacións públicas en base a motivos de seguridade e en 2010 o Senado aprobou "utilizar todas as opcións no noso ordenamento xurídido e proceder coas normas que porhiben o uso público do burka e o niqab para garantir a igualidade, a liberdade e a seguridade". Mais un mes despois a cámara do Congreso rechazou a achega. Neste punto e ante varios casos conflictivos (Madrid, Girona, Ceuta, Pozuelo, Lleida...) sémbrase o debate: debe existir unha normativa que o regule? como se debera posicionar esta normativa? Compre coñecer a que nos estamos referindo!

Que diferenzas atopamos entre uns e outros ('burka', 'chador', 'niqab', 'hiyab')?
Despois de ler definicións en varios espazos diferentes, coido que estas serían unhas aprenciacións acaídas para entendernos. Se me estou equivocando, correxídeme por favor. 
'Burka': prenda lixeira que cubre todo o corpo envolvéndoo dende a cabeza ate os pés e que contempla un enmallado de tela á altura dos ollos para permitir parcialmente a visión. 
'Chador': túnica semicircular que envolve o corpo dende a cabeza, esta prenda deixa o rostro ao descuberto. 
'Niqab': conxunto de cor negro formado por un tocado para a cabeza e o pescozo e un velo que cubre a cara de orella a orella tapando a nariz e a boca e deixando un pequeno oco para os ollos. Soe combinarse cunha túnica longa chamada 'abaya' e con luvas. 
'Hiyab': pano que cobre o cabelo e o pescozo, deixando ao descuberto o rsotro dende a fronte á barbilla. 


Compre dicir que se ben sabemos que un millón de musulmanes viven en España, descoñecemos que porcentaxe son mulleres que usan 'burka', aínda que os estudos parecen indicar que a maioría das musulmanas que viven en países occidentais decántanse polo velo chamado 'hiyab'. Outro aspecto que me gustaría destacar é que as relixións interprétanse e que moitos aspectos que para nós son estraños noutras localizacións resultan lóxicos. Por exemplo, para os hindús as vacas son sagradas e non as poden matar nin comer porque representan a deuses, pero hai outra realidade: para pobos pobres con moita poboación unha vaca da máis riqueza se se utiliza para arar campos que para comela. Outro exemplo, os musulmáns e os xudeos non comen carne de porco porque para as súas respectivas relixións é un animal impuro, pero sabedes que a graxa do porco impide a súa curación en lugares de altas temperaturas como a Península Arábiga, polo que para pobos nómadas era imposíbel a súa conservación?

O exemplo do caso que nos ocupa o Corán indica que o velo é un símbolo de modestia, decencia, pudor e moral e, en tanto, promove o seu uso, mais tamén é certo que a orixe do 'burka' non está no que algúns denominan "obrigas de islamistas radicais", senón en poboados nómadas do deserto onde mulleres e homes utilzaban esta vestimenta para protexerse das tormentas de area, do vento, do sol e mesmo do ataque doutros grupos nómadas. Quero con todo isto indicar que os trazos culturais teñen razóns de ser e que fóra dos lugares orixinarios poden perder a súa fundamentación lóxica, pero compre cando menos escoitar. 

Ante a responsabilidade que recae nos docentes, como debemos posicionarnos?
A priori colisionan principios esenciais do ordenamento xurídico español e dos dereitos humáns: a igualdade de homes e mulleres dunha banda, e a liberdade relixiosa e o respecto a todas as culturas, doutra. Deixando un lado aqueles velos que cubren a cara e impiden a identificación persoal, polo que pode supoñer a nivel legal e porque parece ser que non é o velo máis usado en occidente, pregúntome:
- é máis libre a 'muller 10' que desfila nas pasarelas de moda que aquela que leva 'hiyab'?
- é máis libre a muller que maquilla a súa cara para estar perfecta que aquela que leva 'hiyab'?
- é máis libre quen decide pertencer a unha tribu urbana e asume as súas modas?
- é menos discriminatorio o rol de muller obxecto que seguen a transmitir os nosos medios de comunicación co nudismo e a provocación sexual na vanguardia que o simbolismo do velo?
- porque cremos que o que denomina á nosa cultura son decisións libres e levar 'hiyab' unha obriga?
- que diferenzas atopamos entre estas dúas imaxes?

A primeira foi tomada da web Mujer de élite na que se mostraban diferentes imaxes do velo islámico, a segunda tomada dun blogueiro da Capelada, aquí en Galicia. A maiores da xuventude e da ledicia fronte á vellez e a aparente tristura (que non compre valorar porque as imaxes foron elixidas descoñecendo o contexto), non sería capaz de aveciñar grandes diferenzas nos trazos culturais a través do pano que lles cubre a cabeza. É máis imaxino que se lle pedísemos a ambas que se quitasen o pano para ir á escola, ningunha entendería que mal lle fan ao resto ou a si mesmas. 

Eu non sei se o hiyab debería ser prohibido, nin tampouco sei se é realmente un símbolo de suminisión. Pero si teño claro que é un trazo cultural que non é tan distante ao que durante un tempo predominou na nosa terra e ninguén cuestionou, simplemente as nosas avoas deixaron de poñerse o pano na cabeza porque deixaron de pasar tantas horas ao sol e ao frío acompañando ao gando a pastar (ou por calquera outro motivo, este é o primeiro que se me ocorre e non busca ningunha intención de topicazo). Para decidirse compre escoitar, comprender e desvencellarse da idea de que calquera anomalía con respecto á propia cultura é abominábel. 

Espero que este corto vos anime a pensar. Unha clara mostra de diversidade, pero e de convivencia?

1 comentario:

Rubén dijo...

Pensei que era o único rarito. Grazas, compañeira. O importante é desfacer o velo da conciencia... o físico caerá por si mesmo.