miércoles, 27 de abril de 2011

Malos deseños inhiben boas prácticas?

"A Tecnoloxía Educativa, ao estar ao servizo do desenvolvemento curricular, perseguirá distintos fins en función da concepción e modelo de curriculum baixo o cal funcione. Así a todo, a pesar da plausibilidade desta nova achega, na mesma laten visións do desenvolvemento curricular que enfatizan a fase de deseño e de avaliación sen prestar especial atención á súa posta en práctica en aulas e escolas. Segue agazapada a crenza de que bos deseños implican necesariamente bos procesos de posta en práctica" (Area, 2004, p 44 - 45). 


Di Area que bos deseños non teñen que implicar necesariamente bos procesos de posta en práctica. Inferimos polo tanto, que malos deseños tampouco deberan supoñer malas prácticas, todo dependerá de como afrontemos o uso dos recursos. Eu defendo o uso e a elaboración de materiais contextualizados no territorio e nos suxeitos, tamén coñezo e participo da crítica aos deseños homoxeneizadores dos libros de texto, faltos dunha focalización local dos contidos e na meirande parte dos casos contribuíntes a roles e valores sociais que, polo menos explícitamente, pretenden erradicarse (entroutros, estereotipos de xénero, raza e credo).

Mais a realidade que atopamos nos centros educativos é que na maioría case unánime das aulas emprégase o libro de texto como recurso principal, e ás veces mesmo como único recurso. Existen polo tanto moitas críticas sobre os libros de texto, sobre a súa falta de adaptación aos contextos, ás realidades individuais de cada alumnado, aos estereotipos que promulgan, á reprodución á que contribúen... compre poñerse o mono de traballo, avaliar os materiais didácticos que estamos a empregar e adaptados ás nosas necesidades. Se cadra dándolle a volta a tortilla, non usándoos como recursos principais, senón como libros de consulta ou como un recurso máis entre diferentes fontes, deixen de ser recursos demonizados.




--
Area Moreira, Manuel (2004). Los medios y las tecnologías en la educación. Madrid, Pirámide. 
Imaxe extraída de http://www.juntadeandalucia.es/averroes/centros-tic/18009298/helvia/sitio/index.cgi?wid_seccion=55&wid_item=231

No hay comentarios: