viernes, 6 de mayo de 2011

A glocalización dos materiais didácticos

Os materiais didácticos dende unha realidade global, local ou glocal? Primeiro situémonos nos conceptos: 
  • GLOBALIZACIÓN: proceso que consiste na creciente comunicación e interdependencia económica, tecnolóxica, social e cultural entre os distintos países do mundo, unificando os seus mercados, políticas, sociedades e culturas. 
  • LOCALIZACIÓN: poboación ou territorio con identidade propia.
  • GLOCALIZACIÓN: capacidade e disposición de pensar globalmente e actuar localmente adaptándose ao contorno. Dende a perspectiva educativo-cultural Antonio Bolivar (2001) refírese á glocalización como a mistura entre elementos particulares e mundializados.

No mundo global que vivimos, no que cada vez hai menos fronteiras económicas, políticas ou sociais, parecen desvirtuarse e, mesmo perderse, aqueles localismos ou carácteres propios e exclusivos de cada territorio, área xeográfica ou comunidade humana con características culturais comúns. Nese senso, como educadores, non debéramos deslocalizar as aprendizaxes, senón contribuír a preparar cidadáns para as relacións globais sen esquecérense da identidade particular de cada pobo. 

"Se este equilibrio se consegue, 
entón a globalización non uniformiza
e a diversidade non desmigalla". 

O seguinte vídeo trata a temática identidade e territorio no deseño de materiais didácticos, foi grabado en 2008 ao amparo da XIV edición de Ponte... nas Ondas! Entroutras experiencias fálase do Proxecto Ulla-Elemental levado a cabo polo Concello de Vedra e do Proxecto do Mercado de Padrón, coordinado por Xesús Rodríguez e Raquel Mariño e cuxos materiais didácticos foron deseñados por alumnado de 3º curso da Licenciatura en Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela.





--
Fontes: 
Bolivar, A. (2001). Globalización e identidades: (des)territorialización de la cultura. Revista de Educación (número extraordinario), 265-288. 

No hay comentarios: