martes, 3 de mayo de 2011

O twitter e os seus usos

Twitter é unha ferramenta con gran potencial social e educativo. Permite experiencias de comunicación moi interesantes: coméntase de forma global e dende calquera punto do planeta; fomenta a liberdade de expresión e a diversidade de pareceres;  favorece a concreción e síntese do que queremos expresar e a selección do relevante para a comunicación a través da limitación de caracteres ou, como plasmou Rodríguez de las Heras, trátase dun "encontro entre escritura e oralidade". Eu declárome usuaria de Twitter (@denebolaas) e creo que é unha ferramenta moi interesante para introducir nas escolas, pero tamén creo que ten os seus perigos e, ben sexa coma educadores ou cidadáns, debéramos tentar palialos. 

Destacaría tres ameazas. A primeira ligada a todas as novas tecnoloxías e á dispoñibilidade de internet: a fenda dixital. Sobre as desigualdades socioeconómicas provocadas pola fenda dixital e as posibilidades de paliala que ten a educación teñen escrito moitos autores (Aguiar, 2002; Bouza, 2003; Cabero, 2004; Castells, 2001; Cid e Rodríguez, 2007; Serrano e Martínez, 2003), non me vou deter niso, nin nas particulares ao respecto de twitter. Pero si deixar sobre a mesa que na Sociedade da Información e da Comunicación (SIC) ter acceso aos contidos que xeran ferramentas de información e comunicación como Twitter é ter poder (Gewerc, 2009). 

A segunda e a terceira ligadas ao inmediato, fluido e constante da comunicación a través de twitter. Dunha banda, corremos o risco de ler e compartir sen un paso intermedio de reflexión e análise da información que nos chega e que imos contribuír a transmitir. Ten o risco de converterse nunha ferramenta de expresión fugaz e sen calado. No blogue misapisportuscookies.com, @Insustancial, escribía "confudimos frecuentemente a velocidade de resposta das redes sociais coa necesidade imperiosa de facer chegar a nosa opinión sobre todo da maneira máis rápida eliminando o necesario proceso de análise previo a emitila para que soe coherente ou, polo menos, armada con algún tipo de argumentario"

Doutra banda, corremos o risco de crear unha adicción ao constante fluir dos comentarios. En varias ocasións compartín mesa con persoas que en vez de disfrutar, coa plenitude dos sentidos, da conversa entre quen alí estaba, desviaban a súa atención e interese cara a lectura do timeline. Mesmo ante as chamadas de atención e os comentarios de desagrado mantiñan a mesma actitude baixo o pretesto de ter capacidade para atender a todo. E non trato de enfermidade a adicción á consulta do timeline por estaren a falar de novas tecnoloxías, o mesmo pensaba, anos atrás, cando o interlocutor no canto dun smartphone ou teléfono intelixente collía un xornal. Ao meu ver as TIC teñen que contribuír a xerar novas canles de comunicación, pero debemos cuestionarnos se é positivo o detrimento das xa existentes.

Twitter ten usos educativos moi interesantes, non lle demos o exclusivo valor de ferramenta e reflexionemos sobre os seus usos.  



--
Fontes: 
Aguiar, M. V. e outros (coords.) (2002). Cultura y educación en la sociedad de la información. A Coruña: Netbiblo. 
Bouza, F. (2003). Tendencias a la desigualdad en Internet: la brecha digital (digital divide) en España. En J. F. Tezanos e A. Tortosa (coords.). Tendencias en desvertebración social y en políticas de solidaridad. Madrid: Sistema, pp. 93 - 121. http://www.ucm.es/info/socvi/BOUZA/NUEVA1/Textos/t.pdf
Cabero Almenara, J. (2004). Reflexiones sobre la brecha digital y la educaciónhttp://www.tecnoneet.org/docs/2004/jcabero04.pdf
Castells, M. (2001). La galaxia Internet. Madrid: Arete. 
Cid Fernández, X. M. e Rodríguez Rodríguez, X. (coords.) (2007). A fenda dixital e as súas implicacións educativas. Santiago: Nova Escola Galega. http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/Fenda%20Indice2.pdf
Gewerc Barujel, A. (2009). Políticas, prácticas e investigación en tecnología educativa. Octaedro. 
Serrano Santuyo, A. e Martínez Martínez, E. (2003). La brecha digital: mitos y realidades. Mexicali: Universidad Autónoma de Baja California. http://www.labrechadigital.org/labrecha/LaBrechaDigital_MitosyRealidades.pdf
Tezanos, J. F. (2001). La sociedad dividida. Estructuras de clases y desigualdades en la sociedad tecnológica. Madrid: Biblioteca Nueva. 

No hay comentarios: