lunes, 2 de mayo de 2011

Traballar A NOTICIA nos centros

Con "traballar a noticia nos centros" non me refiro a coñecer o sistema xornalístico, nin moito menos á estrutura que debe seguir unha noticia. Se ben estes contidos son interesantes, nesta ocasión fago referencia ao tratamento das novas que non figuran reflexadas nos libros de texto. Se ben é certo que o profesorado ten unha excesiva dependencia do libro de texto (Rodríguez, 2009) e que compre a formación para a súa avaliación e para a elaboración de materiais alternativos (Rodríguez, 2006), en Galicia temos vivido un marabilloso expoñente de creación de materiais ad hoc, co compromiso e colaboración dun alto número de docentes e centros educativos, e cun alumnado partícipe e inquedo por aprender. Esta vivencia viu da man dunha nova que colleunos por sorpresa, moi de perto, e que dende logo non figuraba nos libros de texto: foi a traxedia do Prestige

Moitos centros educativos apoiáronse na nova para traballar educación medioambiental, actitudes de empatía e valores solidarios, e tamén para descifrar o papel dos medios de comunicación, dos gobernos e dos partidos políticos. Algúns deses traballos deixaron constancia na rede a través das páxinas dos centros cedidas pola Consellería de Educación, polos concellos ou mesmo polo Proxecto Climántica (San Francisco Xabier -A Coruña-; IES de Melide; CEIP As Bizocas -O Grove-; IES Otero Pedrayo -Ourense). Tamén se implicaron os movementos de renovación pedagóxica, coma Nova Escola Galega, quen levou a cabo un documento sobre o Prestige e a Educación Ambiental e un congreso sobre materiais e experiencias educativas sobre o Prestige, baixo a idea de que a escola é un escenario privilexiado para converter sucesos de actualidade en materia de estudo. Foi tal a magnitude que no cabodano o extinto xornal en rede vieiros lle adicou un especial chamado E o mar entrou nas aulas: Xeración Prestige:

"O accidente do Prestige provocou reaccións na comunidade educativa que sorprenderon a toda a sociedade. O compromiso, as mobilizacións e a resposta dese colectivo foron un exemplo e mesmo un revulsivo para todos. Os nenos e mozos aprenderon que tiñan forza e que xuntos podían esixir que as cousas cambiasen, por iso se implicaron en actividades tan impactantes coma a da cadea humana que formaron miles de estudiantes o 22 de xaneiro entre Laxe e Muxía. Os profesores tiveron que darlles resposta a todas as inquedanzas dos alumnos, explicarlles que a verdade non sempre é a que transmiten algúns medios de comunicación e algúns gobernantes, tiveron que aprender a organizarse diante da demanda do estudiantado... e, como pago, recibiron con estupefacción unha circular da Xunta instándoos a non facer "propaganda".

Síntome orgullosa daquel movemento, de petencer á Xeración Prestige ou Xeración Nunca Máis, de que o profesorado nos tivese alentado a estar como estudantes nesa cadea Laxe - Muxía e de que o centro nos permitira expresarnos e colgar bandeiras de Nunca Máis e, pouco tempo despois, de Non á guerra. Sinto ledicia porque aprender significase investigar e porque os contidos se traballasen interdisciplinarmente. E naquel momento a mensaxe era clara: a defensa do medio ambiente e do desenvolvemento sostible.

Na actualidade, despois dunha semana na que a noticia era voda real en Inglaterra ou beatificación en el Vaticano, hoxe toda a prensa estatal e internacional faise eco con ledicia dunha mesma nova: Estados Unidos mata a Bin Laden. A min resúltame preocupante como se está a transmitir esto nos medios de comunicación, con total impunidade a un goberno que tomou a xustiza pola súa man. Se cadra esta sexa unha moi boa ocasión para que a comunidade educativa reflexione e debata sobre as implicacións educativas deste suceso e das funcións que están a tomar as redes sociais e os medios de comunicación.

Na prensa leo titulares como "celébrase con euforia a morte do terrorista", "América amence con celebracións", "epitafio do terrorismo islámico"..., menos mal que algúns twitters, famosos e anónimos, deixan caer outro tipo de mensaxes, ao meu ver máis acertadas: "espero que ninguén salga a celebrar unha execución" ou "o terrorismo e a democracia coinciden: asesinar, ás veces está ben". Compre preguntarse porque falamos da morte de Bin Laden e non do seu asesinato (isto último implica delito) ou porque galardoamos co Premio Nobel da Paz ao presidente Obama, quen na rolda de prensa na que comunica o resultado da operación militar lanza unha mensaxe do ollo por ollo e de tomarse a xustiza pola súa man indicando "traer ante a xustiza a quen cometeron os brutais ataques", para segundos despois sentenciar "e traballamos cos nosos amigos aliados en todo o mundo para capturar ou matar a decenas de terrorista de Al Qaeda".

A educación democrática debera levar ás escolas o debate sobre a morte de Bin Laden.


--
Fontes:
Especial negra sombra do Prestige. Un ano de loito. http://especiais.vieiros.com/desastreprestige/ensino.php
Rodríguez (2009). Os materiais curriculares en Galicia. Vigo: Xerais. 
Rodríguez (2006). A elaboración e adaptación dos materiais curriculares. 

No hay comentarios: