sábado, 30 de abril de 2011

Recursos: guerra de Troia

Máis dunha vez teño escoitado da man de docentes, en activo ou futuros, que xa nada motiva ao alumnado e que sen o 'valor' do suspenso ou a repetición en determinados cursos das etapas obrigatorias o profesorado quédase sen ferramentas para implicar ás e aos estudantes co estudo da materia. Non comparto este pensamento, xa o teño expresado noutras ocasións, nin creo que a avaliación deba usarse coma castigo, nin creo que os escolares 'de hoxe en día' non presten interese por nada e, sen lugar a dúbida, creo que existen múltiples recursos que motivan e achegan ao alumnado ao coñecemento. 

Mais ás veces hai que saber darlle unha volta aos recursos que nos rodean, aplicalos baixo distintas técnicas e mesmo, simplemente, deixalos ao libre uso de quen lle provoque interese (recordemos neste punto a referencia que onte facíamos aos aprendixaxes autónomos). A multidiversidade de recursos enriquece a aprendizaxe, perdamos o medo a utilizar aqueles que non foron deseñados explícitamente para o eido escolar ou educativo. Con este interese propoño unha nova sección na que ir achegando algunhas alternativas ao uso do libro de texto. 

Hoxe comezamos con dúas achegas dende o power metal sobre a Guerra de Troia, contido traballado especialmente en Cultura Clásica, pero que tamén ten cabida en grego ou en historia. Doutro xeito, podemos utilizar a guerra de Troia como contexto e non como contido para traballar en xeografía ou en literatura. E tamén pode ser interesante para a música, axudando non só a identificar os tipos, senón comprendendo as temáticas que se abordan dende cada un. Así, as cancións de WarCry, El guardián de Troya, e de Tierra Santa, Caballo de Troya, poden utilizarse como recurso fundamental no que focalizar os procesos de aprendizaxe ou como vehículo co que potenciar o interese pola temática.

Caballo de Troya (Tierra Santa, 2000)

El guardián de Troya (Warcry, 2004)

No hay comentarios: