viernes, 29 de abril de 2011

LDK 02: avaliación auténtica e emancipación do individuo

Na LDK anterior falábamos dos fins da educación, facendo fincapé na reprodución social que parece manterse nos procesos de ensinanza no noso sistema educativo, carácter imprimido entroutras cousas por seleccionar como único recurso didáctico libros de textos nos que prima excesivamente a narración e memorización, sen análise. Desta vez ímonos situar nos fins da educación como emancipación cultural e social do individuo, esa que desexaba Freire na Pedagogía del oprimido, e encamiñándoos cara a avaliación.

Se na reprodución falábamos de ensinanzas memorísticas, na emancipación falaremos de aprendizaxes autónomos. Aprendizaxes con cargo a tarefas esixentes e de comprensión que reclaman unha actuación reflexiva do individuo, nas que este debe levar a cabo procesos de construción de significado e de atribución de sentido. Aprendizaxes de contidos heurísticos que priorizan o como sobre o que (Coll y Martin, 1994; Porto, 2002; Trillo, 1995).  Unha avaliación coherente con un aprendizaxe significativo e autónomo, centrado en contidos heurísticos e encamiñado á aspiración da emancipación individual debe ser unha avaliación educativa ou avaliación auténtica segundo Trillo (2005, documento electrónico):

"O primeiro que resulta imprescindible asumir é que avaliar supón emitir un xuízo sobre o valor dunha cousa. Así, sabemos que avaliar non é examir (un procedemento entre moitos para recoller información), e que avaliar tampouco é calificar (que á postre é só sumar e/ou restar). [...] saber avaliar convírtese nun asunto complexo e delicado, imposíbel de resolver mediante un subterfuxio. Ben ao contrario, nos esixe unha actuación profesional seria e fundada, reflexiva, deliberada, intencional, sistemática e, sobre todo, que se poda xustificar. Fronte ao cal -permítaseme o comentario-, sorprende a facilidade coa que o sistema nos autoriza a facelo con escasa ou nula preparación para ilo. [...] Sendo así, imponse recordar en que consiste unha avaliación educativa, que outros denominan ética, e que se caracteriza por respetar dous criterios fundamentais: por mostrarse atenta e responsábel ante as consecuencias que ten sobre terceiras persoas (recórdese aquilo de que 'hai vida detrás dunha calificación'), e por mostrarse de veras comprometida por salvagardar a coherencia entre fins e medios de maneira que certos valores non resulten traicionados na práctica".

Para debater e reflexionar sobre a achega propoñemos dúas achegas: unha frase de Joseph Jacotot (profesor e filósofo da educación, quen achega o método da emancipación intelectual) e unha viñeta de Tonucci, quen dende o sarcasmo mostra como o sistema escolar vai oprimindo as accións nas que o individuo debe atribuír sentido, ata esquecer do que supón tomár posición persoal.

"Quen ensina sen emancipar atonta. E quen emancipa non ten que preocuparse do que o emancipado debe aprender. Aprenderá o que queira, quizais nada" (Jacotot, 1818 en Rancière, 2003)



--
Fontes: 
Porto Currás, M. (2002). Aproximación a la percepción de los alumnos sobre la evaluación de sus aprendizajes: un estudio compartido. Cuadernos de la Facultad de Humanidades y Ciencias Sociales (015) 63 - 75. http://redalyc.uaemex.mx/pdf/185/18501507.pdf
Rancière, J. (2003). El maestro ignorante. Barcelona: Alertes. 
Trillo, F. (1986). Análisis del fracaso escolar: autoestima, atribución y desamparo aprendido. Santiago de Compostela: Tesis Doctoral USC. 
Trillo, F. (1995). La evaluación mediante heurísticos de un aprendizaje significativo y autónomo: sentido y estrategias. Innovación Educativa (5), 191 - 206. 
Trillo, F. (2005). Competencias docentes y Evaluación auténtica. ¿Falla el protagonista? Colección de Cuadernillos de actualización para pensar la Enseñanza Universitaria, año 1, nº3. http://www.unrc.edu.ar/unrc/academica/pdf/cuadernillo03.pdf

No hay comentarios: