Non son moi amiga das esquisas (nestas datas cabe decir que nin electorais, nin doutro tipo), non é que esté en contra delas como ferramenta de investigación, pero dubido dos seus resultados cando non veñen acompañadas dun informe no que se detalle cando menos os seus items e a selección mostral. Porque a verdade é que resulta un recurso aparentemente doado de utilizar, pero que en moitas ocasións non se valida o instrumento e a selección mostral non é representativa, polo que os resultados son dubidosos e as conclusións confusas ou, máis ben, falaces. E sobretodo porque a maioria delas as coñecemos a través dos medios de comunicación que soen simplificar todo a datos e grandes titulares, quedando a expensas do que se nos diga e sen posibilidade de facer inferencias propias.
Mais hoxe non tiña intención de falar de técnicas de investigación, senón de recuperar a cuestión que achegara fai aproximadamente un mes o profesor e Decano da Facultad de Educación da Universidad de Zaragoza Enrique García: "que características ten a póxima xeración: a que nos gobernará cando estemos nun asilo de anciáns ou a que educará aos nosos netos?" Unha pregunta que non viña no abstracto, senón en relación á formación que a universidade está a ofrecer a esta xeración. Estando dacordo coa reflexión de fondo, quixen destacar o meu disgusto polo uso do constructo "xeración NI-NI", que eu escoitei por primeira vez da man dun programa de televisión que xa entón sacou de min os peores sentimentos. Podedes ler aquí o texto completo do post e do comentario.
Manteño a mesma postura que fai unhas semanas, a maioría das persoas da xeración nada entre os 80 e os 90 estudamos ou traballamos e cando non é así, na meirande parte dos casos non é porque se queira "non facer nada e vivir a costa dos demais", senón porque a sociedade cambia e polo tanto tamén o fan as posibilidades laborais e os núcleos de interese cos que nos involucramos. Nestes días veño de reafirmarme nesta hipótese ao ler en Público e El Confidencial novas sobre a porcentaxe da xuventude española entre 16 e 35 anos ou 16 e 29 anos, respectivamente, que cumpriría co perfil NI-NI. Como dicía ao principio do post, a miña primeira reacción ante estes resultados é o escepticismo, pero ao ler as noticias ao completo dinme conta que ao marxe de confiar ou non nesas porcentaxes estaban sacando a relucir aspectos moi interesantes, entroutros que o perfil da xeración NI-NI non debe atender só a ter emprego ou estar estudando, senón que o feito de non facelo debe ir ligado a unha actitude de despreocupación.
E neste sentido deben ser considerados nini aquela poboación activa en paro que non traballa porque non atopa emprego? ou aqueles que realizan traballos sociais ou actividades non remuneradas como voluntarios? ou aqueles que non traballan por ter algún tipo de discapacidade? ou por vivir situacións familiares que os levan ao coidado doméstico e as tarefas do fogar? Porque as portadas dos xornais, os programas de televisión ou blogues como este non dedicamos máis esforzos a falar da Xeración SI-SI? Esa xeración que traballou mentres estudaba para axudar á economía familiar, que se ten preocupado non só de aprender para chegar capacitado ao mundo laboral, senón tamén de manter bos expedientes académicos que lle permitan obtar a bolsas, que recolle aos irmáns no cole e vai para casa a coidar dos avós, que no seu tempo libre contribúe ao desenvolvemento comunitario participando en asociacións de carácter cultural, social ou político. Esa xeración que se cadra non sae a defender o voto femenino porque, pese a valoralo, non o ve en perigo, pero que si se preocupa pola igualdade entre homes e mulleres, entre heterosexuais e homosexuais, entre norte e sur, que defende os dereitos dos animais e loita pola conservación do medioambiente.
A maioría de nós temos con 25 anos máis formación (ou para non discutir, máis títulos) que os nosos pais e nais con 50, e sen embargo temos menos posibilidades de acceso ao mercado laboral porque cada vez se esixe máis cualificación e máis experiencia previa. A maioría contribuímos dalgún xeito ao beneficio colectivo da sociedade, e non vivimos centrados no individualismo do Eu. Que os camiños tomados non sexan os mesmos non quere dicir que non vaian acompañados de esforzo e preocupacións.

2 comentarios:
Boísimo post Carmen, pero eu iría algo máis alá. Non creo que as noticias e os titulares da Xeración NI-NI sexan casuais nen inocentes, senón todo o contrario:
Na miña opinión son un construto que busca ofrecer a imaxe dunha mocidade conformista e acomodada, que ten de todo e non traballa porque non quere, e ocultar a realidade, a dunha mocidade que non traballa porque non pode, ou que se ve abocada a postos de traballo en situación de explotación e precariedade. Cantos casos poden vir á mente!!
A solución, entre outras moitas cousas, pasa tamén por non deixarse vencer a batalla da linguaxe e termos claro que o concepto da xeración ni-ni é a ferramenta de manipulación social coa que tentan que os xóvenes pasemos polo aro da precariedade via a presión familiar para "atopar algo, que non vas quedar sen facer nada".
Claro que si! Totalmente dacordo, con tres engádegos:
1.- que hai quen fala do construto sen cuestionarse nada. Se é real ou non e de que xeito está contribuíndo á súa reprodución.
2.- que poucos confiarán en que existan persoaxes tan esaxerados como os que vemos nos reality show, pero que si creen nese perfil parásito.
3.- que o convencimento de "todo pasado foi mellor" non está só nos que viviron ese "glorioso pasado", teño escoitado comentarios claramente vexatorios en xente da nosa idade.
Publicar un comentario