Hoxe ás 21.30h na Residencia Monte da Condesa da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Vida) terá lugar a presentación da Guía de Materiais e Recursos Educativos sobre O Camiño de Santiago elaborada por un colectivo de alumnas e alumnos da Licenciatura de Pedagoxía da Facultade de Ciencias da Educación e coordinados polos profesores Xesús Rodríguez e Raquel Mariño.
Unha guía que recolle os materiais e recursos educativos impresos e multimedia atopados arredor da temática do Camiño de Santiago e que foi posible publicar no 2010, coincidindo co ano Xacobeo, grazas á participación do Concello de Palas de Rei. Nas verbas dos coordinadores:
"A Guía de Materiais e Recursos Educativos sobre o Camiño de Santiago recolle unha compilación e sistematización dos recursos didácticos que na actualidade existen en Galicia en relación co camiño de Santiago. A diversidade de materiais e recursos aquí recollidos permite axudar e facilitar que os docentes e demais profesionais do ámbito da educación poidan adaptar e artellar as súas propias achegas didácticas. É o interese fundamental desta obra achegar estes recursos ao profesorado dos centros educativos galegos coa finalidade de que os empreguen e adapten segundo as súas necesidades e disciplinas. polo tanto, recóllense diversos recursos para as etapas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria elaborados polos diferentes concellos, entidades, organismos, institucións, asociacións, colectivos e, por suposto, materiais e recursos que foron elaborados polos propios profesores que, dalgún xeito, comparten unha meta común: atender e difundir a cultura e patrimonio (material e inmaterial) que supón o Camiño de Santiago" (Rodríguez e Mariño, 2010, p. 6).
--
Rodríguez, X. e Mariño, R. (coords.) (2010). Guía de Materiais e Recursos Educativos sobre O Camiño de Santiago. Santiago de Compostela: Concello de Palas de Rei / Dpto. de Didáctica e organización Escolar / Xacobeo2010 Galicia

4 comentarios:
Gustaría moito de estar, que saia ben! :)
Unha mágoa Iago, de seguro que haberá máis ocasións.
Non tiña nin idea de que se presentara a guia, a última vez que falara con Raquel para pasarlle os documentos da nosa parti dixo que nos avisaría, magoa gustaríame ter estado.
A verdade que xa se fixeron varias presentacións da guía, a oficial foi en Palas de Rei.
Suponse que remitiron un email a todos os autores para entregar unha copia, así que se non te chegou aviso fala con Suso ou Raquel, quizais haxa algún erro na dirección de correo electrónico.
Publicar un comentario